terça-feira, 16 de novembro de 2010

A Vitoria de Samotracia


Escultura helenística grega.

Cara 190 a.C.

2,45 m.

Museo do Louvre. París

É unha obra orixinal, procedente do Santuario de Cabiros, en Samotracia. Realizada en mármol, en bulto redondo. Elevada sobre a proa dun barco de pedra, formaba un espectacular conxunto escultórico erixido no cumio dun santuario rochoso.

Tema: É unha Niké ou Vitoria, representada como unha muller con alas que acaba de pousarse con brío sobre a proa dun navío. Aínda mantén as alas despregadas e as suas roupas arremuíñanse polo vento do mar. A estatua perdeu a cabeza e os brazos. Viste un fino chitón transparente, atado cun nudo baixo o peito que presiona a tea. Os infinitos pregos do lixeiro vestido fluen arredor do corpo, péganse ao peito e ventre, insinúan e realzan as belas formas redondeadas. O peso descansa sobre a perna dereita mentres a esquerda vai cara atrás, nunha suave e longa ondulación.

A composición é aberta, as liñas que conforman o eixe da obra son as diagonais e as curvas, que producen desequilibrio. De frente, a figura retórcese e ábrese nas dúas longas curvas das alas. Vista lateralmente, obsérvase unha grande liña diagonal que iría dende a perna ata a cabeza. O dinamismo da composición complétase coas múltiples e delicadas curvas do vestido. O movemento impetuoso da niké exprésase nos panos, que se axitan e voan, e nas ás despregadas cara os lados e cara atrás. O escultor quixo captar o instante no que se pousa.

O modelado das formas consegue grande expresividade. O artista soubo expresar os efectos do azoute do vento sobre o corpo da deusa, cun estudio anatómico de grande habilidade técnica. Delinea con pericia os seos, o ventre e as diferencias de grosor das pernas. O lixeiro roupaxe, de "panos mollados" adheridos ao corpo, vela as formas e cargaas de sensualidade e misterio, volvendo máis fermoso o corpo da Niké. O xogo da luz acentúase nos pregos, creando violentos contrastes de luz e sombra. A factura da obra é refinada e virtuosa estando ben traballadas as diferentes texturas (telas, plumaxe das ás, etc).

Estilo: a obra presenta as características da arte helenística, último periodo da escultura grega: complicación compositiva, ilusionismo escenográfico, grandiosidade e ruptura da proporción e equilibrio clásicos, realismo, gusto polo movemento, a tensión dramática, sensualidade e beleza, habilidade técnica. O autor basease en modelos clásicos anteriores, percibíndose a influencia de Fidias na técnica dos panos mollados, pero é máis realista.

Función: destinada a conmemorar unha batalla naval na que os habitantes da illa de Rodas venceron aAntíoco III de Siria. A escultura simboliza este triunfo.

O escultor e a súa época: a obra atribúese a Pithócritos, escultor pouco coñecido da Escola de Rodas, unha das principais da etapa helenística (séculos III-II-I a.C). A ela débense obras tan famosas como oColoso de Rodas, unha das sete maravillas da Antigüedade, ou o grupo escultórico do Laocoonte e os seus fillos. Tralas conquistas de Alexandro Magno, a cultura grega difúndese e fusionase coa oriental, xurdindo unha cultura de gran luxo e refinamento estético. É a fase máis barroca do helenismo, de enorme variedade: nela conviven o ideal e o real, a belleza e a deformidade, os temas dramáticos e os cotiás, representándose todas as idades do ser humano (de nenos a vellos). Os clientes serán unha minoría rica e poderosa da época.


Sem comentários:

Enviar um comentário