terça-feira, 14 de junho de 2011

LOIS PEREIRO NO FONTEM ALBEI


Especial sobre a figura de Lois Pereiro, autor homenaxeado no día das Letras Galegas 2011. Trátase dun programa documental que tenta recoller aspectos da súa vida e obra nun formato que resulte lúdico e entretido. Así pois, a partir de dous presentadores e varios reporteiros, achegámonos á figura deste autor con entrevistas na rúa, traballos no centro e recitados de poemas entre outras actividades que recolle o programa.

quarta-feira, 8 de junho de 2011

BIBLIOMAN - IES Fontem Albei


O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia está contribuindo a por en valor estes espazos educativos, fomentando a innovación e a calidade do ensino. No IES Fontem Albei da Fonsagrada (Lugo), empregando a ironía, a retranca, o humor e a provocación, damos a nosa particular versión do noso primeiro ano como centro que forma parte do PLAMBE.



quarta-feira, 1 de junho de 2011

ENTREVISTA A MÓNICA ALONSO


Na presentación da obra Nostalxia de Sol,
exposta no Museo Comarcal da Fonsagrada.
Febreiro 2011

Miriam Gómez Magide e Valeria Pasarín Linares

"Estou sentada nun camiño no medio dunha poza de auga. Por todo o camiño ringleiras de árbores. Sinto como a calor do sol me quenta a cara. O ceo ten un azul precioso. De repente, o sol queda detrás dunhas nubes e comeza a ir frío; a situación que era cálida agora é fría e perturbadora." 2 de setembro de 1993, A Fonsagrada. A Obra Onírica de Carme Casbelisa. Mónica Alonso.

Primeiramente, darche as felicidades pola obra que, a verdade, é que nos gustou moito. Naciches na Fonsagrada, estudaches tamén aquí?

Si, eu nacín en Chaín, parroquia de Paradavella e fun ao colexio ata os seis anos en Chaín, despois vin para a Fonsagrada e estudei tamén no Instituto na Fonsagrada.

Esta relación coa Fonsagrada influíu dalgunha maneira na túa obra?

Si, totalmente. Eu penso que a miña sensibilidade cara as esencias e o sutil ven da miña relación coa natureza e co rural. Para min é moi importante, de feito necesito volver cada pouco tempo a Chaín.

E ese interese polas artes en que momento comezou, como foron os primeiros contactos con este mundo?

Eu de pequena, como me conta miña nai, sempre dicía que quería ser artista como Picasso. Imaxínome que non sabería quen era Picasso. Tería seis anos aproximadamente e dicía tamén que ía ser artista, aínda que morrera de fame. Desde sempre quixen dedicarme ao arte e é o que fago.

Poderíasnos explicar cal é o teu método de traballo máis habitual?

Pois eu son moi disciplinada no traballo. Digamos que dedico unha xornada laboral completa, oito horas ao día, a traballar. Como me inspiro? Pois nesas oito horas leo moito, gústame moito observar, se hai temas que me interesen documentarme sobre eles... Eu son moi metódica no traballo.

E os materiais mais habituais que empregas no teu traballo?

Agora estou traballando moito en fibra de vidro, pero depende, o importante é a idea, unha vez teño a idea busco o material co que plasmala, non teño materiais definitivos.

Tamén vemos que a cor ten un protagonismo especial nas túas obras, de que maneira inflúe?

Pois a verdade é que a cor é fundamental, eu definiríame como a artista das cores. Para min cada cor ten unha simboloxía e así a vou empregando. Eu non teño nada negro e non soporto o negro.

Nesta obra, O Sol, falamos dunha época de madurez, como chegas ata este momento?

Pois mira, agora teño corenta anos. Eu creo que empecei as miñas primeiras obras con vinte vintedous anos. Van como vinte anos de traballo. Penso que a constancia no traballo, a investigación, como en calquera outra profesión, lévate a puntos de madurez. Son moito máis sabia, non me molesta a palabra de sabedoría, paréceme preciosa, non a digo como algo superior, non, é esa sabedoría que alcanza todo o mundo conforme van pasando os anos. A min esta etapa de madurez encántanme porque veñen detrás moitos outros anos que vivín con moita intensidade e traballei.

Actualmente neste museo temos tres obras: O Profeta, Aséptico 1 e Nostalxia de Sol. Poderíamos establecer algunha relación entre elas?

O amarelo, todas elas teñen amarelo, ves? O amarelo é unha cor fundamental para min, é a cor da fantasía, da loucura, da imaxinación, da alucinación... Todas teñen amarelo porque eses conceptos son moi importantes na miña obra e, despois, eu penso que todas son esencias. Por exemplo, O Profeta é como unha sensación, eu penso que é máis conceptual que real.

A maqueta é tamén o concepto do espazo aprendido, de como na infancia vives nun espazo concreto e como este se instala na túa cabeza e despois volve a saír cando xa es adulto tendo determinadas preferencias por un tipo de espazo ou por outro.

O Sol é xa, como nos meus últimos proxectos, xa intentando conxelar esencias, algo como moi básico, sensacións, é a última obra, pero todas teñen o amarelo da loucura e da fantasía.

Hai algunha que che dera unha satisfacción maior ou que teña para ti un significado especial?

Esta que está aquí Aseptico 1 é unha obra moi importante porque conecta directamente coa miña casa da infancia. Despois pezas especiais, pois case todas porque como nacen tanto do meu interior para min son... decir fillos é como unha cousa moi esaxerada porque teño un fillo pero, sobre todo, eu que buceo tanto no meu interior é como espirte un pouco, ensinarte e, para min, a verdade, é que todas son especiais.

Hai algunha obra ou artista que influíse particularmente no teu traballo?

Pois si, si que hai varios artistas. Unha artista que me encanta é Louis Bourgueois, que morreu fai pouco. É unha muller que ten unha obra moi persoal e traballa moito as súas emocións, a súa vida. A min os artistas que me gustan son os artistas que traballan coas emocións e gústanme tamén moito as artistas mulleres, Frida Kalo ou Pipilot Rist que é unha artista contemporánea. Sempre que me preguntan eu digo artistas mulleres porque penso que fago un tipo de obra que se ve que está feita por unha muller. Eu penso que teñen cualidades, que teñen algo diferente.

Con respecto á arte contemporánea actual, que opinión tes dela?

Podo opinar desde distintas perspectivas. Eu penso que na arte contemporánea actual hai cousas moi interesantes e hai artistas moi rigorosos pero que están moitas veces totalmente eclipsados ou anulados pola obra que se produce para mercado. Eu penso que hoxe o mercado determina a gran produción da obra e para ser un artista fiel a ti mesmo e seguir coa túa idea, convencido nas obras que fas, a veces tes que renunciar a moitas cousas que da o mercado ou as influencias.

Pódese vivir da arte na actualidade?

É moi difícil, moi difícil. Se es un artista consagrado e estás no circuíto de mercado vives claro, por suposto.

Eu coñezo moi poucos artistas que vivan da arte que non sexan artistas consagrados que están no circuíto de mercado. Se es un artista que investigas moito, fas a obra que queres facer... Eu sempre vivín da arte pero eu son unha persoa que vivo con moi pouco, austera. Entón sempre vivín da arte porque é o que quero facer, para min é unha forma de vida. Eu vivo da arte porque quero vivir da arte, pero é moi moi difícil vivir da arte.

Podemos dicir que a crise económica tamén afecta a este ámbito?

Bueno. Bueno. A crise económica si afecta pero non afecta ao alto nivel. A arte, non nos enganemos, é burguesa, é das clases altas e das persoas adiñeiradas, iso está claro. A min é o que menos me gusta deste mundo, do mundo da arte. Sempre penso, pero porque terá que ser así, non? Nesta crise o que está claro é que os ricos seguen tendo os cartos, entón seguen comprando arte pero compran un tipo de arte que está no mercado, entón seguen nun circuíto e nun ciclo que non afecta. Do mesmo xeito que aos ricos non lles afecta a crise a ese circuíto da arte non lle afecta pero si lle afecta a outro circuíto moito mais baixo.

Que consellos lles darías aos alumnos do noso instituto Fontem Albei que se quixesen dedicar á arte?

Xa non só dedicarse á arte. Eu penso que todos, cada unha das persoas, nace cunha cualidade determinada e con algo que quere facer. Eu penso que, crendo profundamente no que queres facer, falo. Entón, simplemente loitar polo que un quere e ter as ideas moi claras. Eu penso que iso é fundamental: ter as ideas moi claras e loitar polo que queres.

Proximamente na Pena do Vento, a revista do IES Fontem Albei