terça-feira, 16 de novembro de 2010

A Porta de Ishtar e a Leona Ferida


Aínda que o nome acabaría facendo referencia ao conxunto da civilización, Mesopotamia significa "terra entre dous ríos" e refírese ás zonas fértiles de Oriente Próximo, situadas entre os ríos Tigris e Eufrates e as súas franxas, que se corresponden con aquelas áreas non desérticas do actual Iraq. Nelas habitaron civilizacións en constante conflito, dada a fertilidade das terras que habitaban. Así, a arte mesopotámica engloba manifestacións culturais de diversos pobos, o que nos leva a falar de arte sumerio-acadia, asiria e babilónica e non simplemente mesopotámica.

De entre elas escollemos dúas obras, as que máis nos gustaron, a Porta de Ishtar e a Leona Ferida do palacio de Asurbanipal en Nínive.

A PORTA DE ISHTAR

A porta de Ishtar era unha das oito portas monumentais da muralla interior da cidade de Babilonia, a través da cal se accedía ao templo de Bel, onde se celebraban as festas do ano novo.

Estaba dedicada á deusa do mesmo nome: Ishtar. Foi contruída no ano 575 a. C. por Nabucodonosor II e descuberta durante as campañas arqueolóxicas alemanas levadas a cabo entre o 1902 e o 1914. A porta foi reconstruída, a partir dos restos conservados, en 1930, no Museo de Pérgamo en Berlín, onde aínda se expón na actualidade.




A porta, que mide 14 metros de altura por 10 de ancho, componse de ladrillos vidriados, a maioría de cor azul, aínda que tamén os hai dourados e vermellos. A cor azul era moi empregada debido á abundancia do lapislázuli, unha xema moi apreciada dende a antigüidade ata os nosos días.

As cores douradas e vermellas dispóñense en siluetas de dragóns, touros, leóns e outros seres mitolóxicos. Tanto o arco da porta como o inferior están decorados a base de ringleiras de flores grandes que semellan margaridas. Orixinariamente contaba con dúas esfinxes dentro do arco da porta.

Durante o goberno de Saddam Hussein en Iraq, comezáranse a reconstruir grandes zonas da vella Babilonia, entre elas a porta de Ishtar, levantándose unha réplica sobre o antigo emprazamento orixinal. O proxecto consistía en convertila na porta de acceso a un novo museo arqueolóxico iraquí, que nunca chegou a construirse. Na actualidade, campamentos das Brigadas do exército dos Estados Unidos aséntanse dentro das murallas de Babilonia.





E que podemos dicir do Lapislázuli, o mineral da porta de Ishtar?

Practicamente todo o lapislázuli empregado en Eurasia obtíñase de minas situadas en Afganistán que aínda son explotadas na actualidade, con procedementos similares aos de fai centos de anos. Actualmente existen no mundo dous importantes xacementos onde atopar esta fermosa pedra, un en Afganistán e outro en Chile.

O polvo deste mineral, a azurita, proporcionaba un pigmento azul moi buscado entre os grandes pintores renacentistas europeos: Leonardo da Vinci, Alberto Durero ou Fra Angélico. Coñecido como "Ouro azul", o seu prezo igualaba ao do ouro e empregábase tamén na decoración de mobles, para incrementar o seu valor. En América temén foi moi empregado polos pintores da Escola de Cuzqueña.

A súa cor azul considerábase símbolo de pureza, saúde, sorte e nobreza, o que motivou que fose empregado por moitos pobos ao longo da historia, entre eles os exipcios, babilonios ou asirios.


A LEONA FERIDA

Trátase dun baixorelevo labrado no palacio de Asurbanipal en Nínive, no século VII a. C., do que non se coñece a súa autoría. Forma parte dunha escena cinexética onde o monarca, axudado dos seus xinetes, participaba na cacería do león. O artista soubo transmitir o espíritu da cacería, representando animais caídos, volteando no aire, ou revolvéndose de dor. Así, podemos observar o caso desta leona ferida, que aínda parece que ten forzas para arrastrarse coas súas garras dianteiras. Mentras, nun esforzado intento de incorporarse, arrastra as súas patas traseiras xa paralizadas a causa das frechas que atravesan a súa columna vertebral.


E quen foi Asurbanipal, tamén coñecido como Sardanápalo?

Fálase de Sardanápalo como unha mitoloxización de Asurbanipal, rei de Asiria, coñecido por ser un dos poucos reis da antigúidade que sabía ler e escribir. Durante o seu reinado, a escultura Asiria alcanzou gran apoxeo e así se aprecia no palacio de Nínive. Sardanápalo, como sería coñecido máis adiante en textos gregos, latinos e medievais, creou a biblioteca de Nínive, a primeira en recoller e organizar o material de forma sistemática. Nela recolleuse toda a literatura dispoñible en escritura cuneiforme naquel entonces.


A pintura romántica francesa volveunos a recordar a Sardanápalo, da man de Delacroix, retratándoo na hora da súa morte, deitado na súa cama enriba dunha grande fogueira, rodeado de todo o seu séquito que morrería canda a él. A lenda conta o suicidio de Sardanápalo rodeado das súas concubinas e cabalos, incendiando o seu palacio e toda a cidade de Nínive, para que o innimigo non puidese conquistala. Sardanápalo foi unha figura moi recurrida polos autores románticos. Así, Lord Byron escribeu o seu drama, Sardanápalus, en 1821, dando nome á favorita do rei, a escrava Mirra.

Unha das versións do suposto epitafio de Sardanápalo di o seguinte: “Come, bebe, xoga, porque o demais non vale a pena", versión positiva do Carpe Diem.

Tampouco a García Lorca lle pasaría desapercivido e así o describe na sua Oda e burla de Sesostris e Sardanápalo:

Sardanápalo enfermo de esmeralda,

que se quita las venas para entrar en el baño.

Niño triste que monta los caimanes y tiembla

con la rosa nocturna de fugitivo acento.

Compraste en almacenes de Tokio

un millón tres mil una mariposas

y les diste a beber sangre en los cuellos

de un millón tres mil una doncellas degolladas.


E así o ve Goethe en Fausto, 1832.

Mefistófeles: Mandaría edificar para las más lindas mujeres unas casitas íntimamente cómodas; allí pasaría horas sin fin en un retiro deliciosamente acompañado. Y digo mujeres, porque, una vez por todas, quiero yo las beldades en plural.

Fausto: ¡Ruin y moderno! ¡Sardanápalo!

Fontes consultadas:

https://www.ucm.es/info/especulo/numero33/sardanap.html

http://tausiet.blogsome.com/2009/04/11/que-majo-sardanapalo/

http://www.labitacoradeltigre.com/2008/09/03/un-nuevo-sardanapalo/

http://es.wikipedia.org/wiki/La_muerte_de_Sardan%C3%A1palo

http://cartelen.louvre.fr/cartelen/visite?srv=car_not_frame&idNotice=22747

http://www.artehistoria.jcyl.es/genios/cuadros/2200.htm

http://www.telecable.es/personales/angel1/pinrom/delacroix/muerte.html

Sem comentários:

Enviar um comentário