sexta-feira, 7 de janeiro de 2011

Basílica de Santa Sofía de Constantinopla

No ano 330 fúndase Constantinopla, a que sería a Capital do imperio romano de Oriente, trala divisíón do mundo romano por Teodosio.

A extraordinaria importancia estratéxica de Bizancio, decidiu a Constantino para facela capital do Imperio alí e dotala de edificios apropiados, que conforman a capital coa corte máis luxosa e o esplendor cultural máis importante de toda Europa ao longo de mil anos.

Foi no ano 395 cando se produce a división do Imperio Romano. Teodosio entrega Oriente a Arcadio e Occidente a Honorio. A parte occidental cae nas máns dos pobos invasores bárbaros e, tras herdar a cultura paleocristiá, transformárona na orixe do medievo. Na parte oriental pervive o imperio romano de oriente. Será no S.XV, en 1453, que cae Bizancio en poder dos turcos.

Esta evolución que oriente non sufriu, supuxo un corte absoluto entre as dúas tradicións artísticas. Bizancio convértese así no heredeiro directo do mundo grecolatino e no creador dun novo centro artístico.

A primeira etapa do Imperio comprende do 395 o 850 e neste período destaca o reinado de Justiniano (527-565) quen intentou reconstruír o Imperio Romano. Os fundamentos da cultura bizantina serán: o dereito e a administración romana, o idioma, a arte e as letras gregas e as crenzas e costumes cristiáns. Dende o punto de vista do poder político, vaise consolidando a posición autocrática do emperador con intervención nos asuntos relixiosos: cesaropapismo.

Precisamente durante o reinado de Justiniano, tamén coñecido como primeira idade de ouro do imperio, construíuse a célebre basílica de Santa Sofía en Constantinopla.

Cronoloxía: s.VI, autores: Antemio de Tralles e Isidoro de Mileto, estilo: bizantino


Templo adicado á sabedoría divina. Foi mandada construir por Xustiniano trala revolta popular de Niká, nun intento de renovar a cidade imperial a causa dos estragos causados na maior parte dos edificios polo levantamento.

A Basílica de Santa Sofía é a obra máis importante da etapa justinianea, o marco axeitado ao solemne cerimonial político-relixioso, á vez que catedral dos patriarcas, escenario dos actos estatais e centro espiritual do Imperio. Construíuse entre o 532 e o 537, sendo reconstruída no 562, tras o seu prematuro afundimento por culpa dun terremoto no 558.

A súa planta é unha síntese da basilical e a central, ordenada en torno a unha cúpula central, de 31 m de diámetro e 55 m de altura, inscrita nun cadrado, sostida por 4 pechinas, sobre 4 enormes piares. Está contrarrestada nos seus lados este e oeste, por dúas semicúpulas cada vez máis pequenas e máis baixas sostidas por piares que, á súa vez, se contrarrestan con tres nichos abertos entre eles. Nos outros dous lados, ao norte e ao sur, dúas naves laterais abovedadas en medio canón contrarrestan á central.

A cúpula sobre pechinas é un elemento propiamente oriental, neste caso de media naranxa gallonada (en relación co panteón).

En conclusión, o pulo da cúpula é conducido ao chan, de forma gradualmente amortecida, grazas ás innumerables bóvedas e elementos estruturais cuias tensións van anulándose mutuamente. Finalmente, os contrafortes exteriores contrarrestan as presións laterais, aínda demasiado fortes. Este sistema de contraarrestos está distribuído de xeito que o observador non ve obstáculos ante os seus ollos cando entra na inmensa nave central.

Planta: produto da introdución dun plan central nun basilical, dando lugar a unha basílica con cúpula. Constituirá o modelo de arquitectura relixiosa de oriente durante case un milenio.


Vista dende o interior do templo, esta serie de bóvedas ordenadas para lograr un equilibrio, ao continuarse unhas noutras, todas elas cubertas de mosaico, producen a impresión dunha inmensa bóveda única, a parte central da cal flota no aire, suspendida sobre a faixa de luz formada polas súas numerosas ventás inferiores. O gran número de vans que perfora a cúpula central así como as bóvedas de cuarto de esfera, producen unha iluminación que agranda aínda máis o espazo.

A este efecto de lixeireza do inmenso interior contribúen tamén os dous pisos de arcadas que cabalgan sobre columnas, que se atopan baixo os dous grandes arcos formeiros da nave do cruceiro e nas exedras secundarias da cabeceira e dos pés, que dá lugar ademais a belos efectos de perspectiva.

O templo está revestido por altos zócolos de mármore, as súas columnas son tamén deste material, e nel están labrados os fermosos panos de decoración vexetal das arcadas. Os capiteis son troncocónicos con volutas xónicas ou simplemente apiramidados, pero todos eles atopanse revestidos pola típica decoración vexetal bizantina. Ábsidas e cúpulas cubríanse de mosaicos nos que as teselas de vidro se alternaban con pedras semipreciosas.

Complétase o edificio con dous pórticos, un anterior que daba ao patio cadrado e outro máis ancho, o nartex, con belísimas columnas e mosaicos.

Santa Sofía é unha síntese entre a tradición clásica grecolatina e a tradición construtiva oriental; a primeira representada pola planta basilical, os piares de carga principais, e a grande escala do conxunto; e a segunda, polo espazo central coroado pola cúpula. O interior é un espazo diáfano, cunha luz case irreal, resaltado por xogos de luces e revestimentos decorativos. Os vanos oradan a base da cúpula dando a imprsión de que a cúpula flota. Deus é identificado co raio de luz.


Santa Sofía legou á posteridade o uso do sistema de pechinas a escala monumental para pasar da forma cadrada da base á circular da cúpula; futura constante da arquitectura bizantina e, máis adiante, da occidental.

Tamén deu o impulso definitivo ao mosaico, a técnica que mellor permitía explorar as posibilidades da luz e a cor no interior das igrexas bizantinas.

No exterior apréciase unha gradación de volumes que coincide cos corpos interiores. Trátase dunha volumetría exterior de carácter piramidal, cun sistema de empuxes e aguantes onde o exterior é reflexo do interior. Os minaretes son posteriores, turcos, resultado da conversión de Santa Sofía á relixión musulmana


Sem comentários:

Enviar um comentário