sexta-feira, 3 de dezembro de 2010

O Profeta. Mónica Alonso


O Profeta. Mónica Alonso

Talla en Madeira. 1991.

O Profeta é unha obra da escultora fonsagradina Mónica Alonso, está tallado en madeira e representa a un home de idade avanzada, vestido con cores vivas, longas e amplas, que descansa a man sobre o peito. Trátase dunha representación do seu avó, observado como un home sabio, bo e con experiencia, ao que relaciona cun profeta. A cor viva das súas roupas, a vestimenta verde e a capa vermella, está relacionada coa natureza e o mundo ecolóxico, aspecto este moi de actualidade.


Os profetas eran homes sabios que predecían acontecementos futuros, ben interpretando sinais, ben a través de revelacións sobrenaturais froito de contactos coa divinidade. Neste senso, poderíase entender a obra como a representación dunha persoa xa madura e sabia que transmite uns valores éticos de coidado e respecto pola natureza, polo medio no que vivimos. Así mesmo, se relacionamos as ideas de preocupación pola natureza e o medio ambiente coas que nos trae o propio significado de profeta, veñennos á memoria as ideas panteístas que entenden a natureza, o universo, como un todo equivalente á divinidade, polo que o profeta anunciaría, revelaría á humanidade, a mensaxe dese Deus- Natureza.

Así pois, podemos entender a figura do profeta como un sabio que exerce de intermediario entre a natureza e nós, avisándonos dese futuro incerto ao que conduce o feito de non respectar as leis naturais. Máis preséntase ante nós cunha apariencia alegre, e ataviado cunha vestimenta floreada de cores vivas. A importancia da cor é significativa ao longo da obra de Mónica Alonso. Nas súas instalacións, ten estudado o emprego das cores no espazo, como transmisoras de sensacións e incluso como terapia.

O profeta de Mónica leva a man dereita no peito, cruzada e apoiada preto do corazón, xesto que transmite humanidade e que podemos entender como unha actitude de emoción e sentimento que se corresponte con esa amabilidade e dozura que transmiten as súas maneiras. O seu rostro serio e sereo fálanos de sabiduría e intelixencia, máis tamén humanidade e paz.

Ao longo da historia da arte foron moitas as ocasións nas que puidemos ver representadas as figuras dos profetas, dende as portadas das catedrais medievais en pedra, recordamos o xesto sorrinte do profeta Daniel en Compostela, ata as vangardas coa escultura en ferro de Gargallo.

O profeta de Gargallo é unha impoñente figura que destaca pola súa simplicidade e, ao mesmo tempo, complexa estrutura na que se intenta esculpir o vacío dando forma ao volume. Sen pretender facer unha figura abstracta, Gargallo acentúa os rasgos expresionistas, sempre axustados ás formas cubistas nas que o artista se desenvolve. Máis, o noso profeta difire deste, no xesto, na maneira. O profeta de Gargallo é un home ameazante cunha man levantada e gritando, mentres coa outra suxeita o bastón. O profeta de Mónica, pola contra, destaca pola súa actitude serea e pausada que nos transmite un carácter dulce , fronte á dureza e agresividade da figura de Gargallo.

En canto ao seu estado, ao tratarse dunha figura esculpida en Madeira, presenta diversas fisuras que se poden deber á humidade que afecta ao material. Así, presenta numerosas brechas por todo o corpo, salientando unha moi profunda nas costas. Neste senso, a súa conservación é bastante precaria, pódendose observar nela fendas, fisuras e desgastes.

Mónica Alonso estudou Belas Artes en Salamanca e, coa tese “O espazo doméstico na escultura contemporánea”, doutorouse pola Universidade de Vigo. Cun extenso curriculum, as súas obras expuxéronse en Museos e coleccións dende A Fonsagrada, ata Barcelona, Roma ou Munich por poñer algúns exemplos. Precisamente, a obra que vimos de comentar atópase no Museo Comarcal da Fonsagrada, pobo do que, como xa dixemeos anteriormente, é natural a artista.

Miriam e Valeria

Sem comentários:

Enviar um comentário